Agradecementos da Asociación GHANDALF

Este libro é un compendio, unha escolma na que se recollen parte dos traballos técnicos desenvolvidos polos membros de GHANDALF que cursaron a primeira edición realizada en Galicia do Máster en Software Libre. Deste xeito, o libro está conformado polas teses fin de mestrado de Javier Estévez Valiñas, Pedro A. González Pérez, Andrés Maneiro Boga, Pablo Sanxiao Roca, Juan Ignacio Varela García e Roberto Vieito Raña.

No presente libro teñen cabida tanto artigos puramente técnicos centrados en diversos aspectos do Software Libre, como traballos de índole máis divulgativa. A heteroxeneidade dos contidos do libro non é máis que un fiel reflexo da heteroxeneidade enriquecedora presente no mundo do Software Libre, sendo esta unha virtude esencial nun movemento que día a día conta con maior forza, e contribúe de xeito máis acentuado na mellora da nosa sociedade. No momento da súa redacción, todos estes artigos superaron os máis estritos estándares de calidade, pero o lector debe ser consciente que os mesmos elaboráronse entre os anos 2007 e 2008, polo que a día de hoxe pode que algún deles poida verse desactualizado respecto do estado da arte actual; o inevitable paso do tempo aféctalle a todo o que nos rodea, e a todas as nosas creacións, pero non por iso é menor o valor do traballo acometido.

Dende o comezo da nosa andaina, en GHANDALF temos moi claro que o software libre e mailo coñecemento aberto son ferramentas fundamentais para o presente e máis para o futuro de Galicia. Fieis ao principio fundacional de ser axentes activos no fomento do Software Libre e do coñecemento aberto na nosa sociedade, levamos a cabo a publicación de “Máster Software Libre en Galicia, ano I” como achega dun novo libro técnico en galego sobre o software libre, listo para que calquera persoa, entidade ou institución interesada no incrible mundo do Software Libre teña a man un recurso que desexamos que lle poida ser de utilidade.

As derradeiras verbas desta introdución son de agradecemento, agradecemento aos autores orixinais do artigos, pero tamén e sobre todo aos mecenas que nos permitiron sacar unha tirada en papel, á deseñadora e á imprenta que estiveron sempre atentos aos noso requirimentos, ás entidades que posibilitaron a celebración da primeira edición do máster en software libre en Galicia… e a ti, lector.

«Brindemos polo commit, que é o átomo do software libre!»
– Asociación GHANDALF