Epílogo, obra de Igalia

Hai dez anos, no ano 2001, Igalia daba os seus primeiros pasos coma proxecto empresarial. A nosa idea de negocio parece bastante sinxela e está baseada en que é posible traballar creando tecnoloxía libre cun modelo empresarial asembleario. Gústanos pensar que as ideas tolas, as que parecen irrealizables, ao final poidan chegar a materializarse.

O Máster en Software Libre xurdiu coma outra idea ambiciosa, a de cubrir o baleiro existente na formación especializada en Software Libre. Pensabamos que era posible impartir unha formación técnica especializada, que tivera o Software Libre e a súa filosofía coma principal valor, e que esta formación fose impartida en Galicia. Para conquerir este reto contamos co apoio da Obra Social de Caixanova, que tiña interese en impulsar unha formación innovadora en novas tecnoloxías en Galicia e o grupo Libresoft da Universidad Rey Juan Carlos, un referente internacional no eido do Software Libre no ámbito académico. Igalia aportaba a súa bagaxe profesional no eido da empresa privada. Para completar esta ecuación, na primeira edición, grazas á cal este volume é posible, un grupo de oito estudantes embarcáronse neste experimento educativo con ilusión dende o primeiro día.

Todo un ano da para moitas anécdotas, pero se temos que escoller un momento relevante do curso quedámonos coa presentación do artigo elaborado polos nosos alumnos na conferencia FOSDEM 2008 en Bruxelas. Esta viaxe foi toda unha experiencia, o traballo defendido polo grupo comparaba as distribucións de GNU/Linux máis populares realizado cunha metodoloxía de avaliación novidosa. O grupo prometía e so tiña transcorrido un terzo do curso académico.

O 30 de outubro de 2008 culminouse o reto que supuxo aquela primeira edición do Máster en Software Libre. Nesa data, a nosa primeira promoción de estudantes presentaba os proxectos de tese de máster, marcando un punto e seguido nunha experiencia de aprendizaxe que non poderemos esquecer moitos de nós, e na que todos nos enriquecemos coas experiencias compartidas.

Hoxe, 30 de outubro de 2011, xusto tres anos despois, escribimos este epílogo para a publicación dos traballos de tese de máster daquela primeira edición do Máster en Software Libre. Os resultados plasmados neles non son unicamente o froito de horas de clase, senón de empaparse da filosofía que rodea o software libre e dos debates que xurdiron nas “merendas” e nos “almorzos” arredor dun café, dun colacao, dun té ou dun zume, nos breves descansos das moitas horas de clase.

En Igalia, sentímonos copartícipes do mérito de cada dos traballos realizados polo noso alumnado. Mais do que estamos realmente orgullosos é de comprobar que, unha vez rematados os seus estudos, os nosos estudantes seguen a por en práctica os coñecementos que adquiriron no Máster e, sobre todo, que están a participar na comunidade que formamos arredor do Software Libre.

Hoxe en día é preciso contar con profesionais formados que poidan aplicar as vantaxes que supón o Software Libre para a nosa sociedade. Esta primeira promoción pode presumir de contar con varias experiencias de éxito, como a creación dunha primeira empresa, o impulso do software libre na administración pública ou o desenvolvemento de software libre en universidades, empresas e centros de investigación.

Os alumnos desta primeira promoción seguen a manter a convicción de que o Software Libre é a forma axeitada de facer as cousas e están comprometidos a través da Asociación GHANDALF, a cal promociona interesantes traballos como a publicación deste libro que esperamos que sexa o inicio dunha serie de edicións cos traballos das seguintes promocións do Máster en Software Libre, pero iso é unha historia que deberá ser contada noutro momento.

José María Casanova Crespo e Xavier Castaño
Igalos e compañeiros de viaxe da 1º edición do Máster en Software Libre